viernes, 25 de abril de 2008

Moción presentada polo PSdeG - PSOE ao Pleno da Corporación Municipal de Gondomar

Grupo Municipal Socialista
Concello de Gondomar

Gondomar, 25 de abril de 2008

O Grupo Municipal Socialista, en base ó disposto nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das entidades locais e demais normativa que poida resultar de aplicación, presenta diante do Pleno da Corporación esta MOCIÓN, en relación coa entrada en vigor do Decreto 262/2007, polo que se aproban as normas do hábitat galego, en base ás consideracións recollidas na seguinte

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A entrada en vigor do Decreto citado creou preocupación e un crecente malestar nos concellos galegos, tanto polo proceso seguido para a súa aprobación como polas repercusións que lles trae a súa aplicación efectiva.

As NORMAS DO HÁBITAT GALEGO, que derrogan as establecidas polo Decreto 311/92, do 12 de novembro, formúlanse dende a perspectiva de mellorar as condicións de habitabilidade das vivendas e do seu ámbito inmediato, tanto se son espazos públicos como privados.

Este loable obxectivo global da mellora das condicións de deseño, calidade e
funcionalidade das vivendas, en canto supoña a mellora das condicións de vida dos cidadáns, considerámolo altamente positivo.

Nembargante este obxectivo compartido queda diluído por dúas razón, unha principal, a súa colisión coa autonomía local e outra, procedimental, que foi a que propiciou a invasión competencial como consecuencia da falla do dialogo preciso coa Administración Local, representada polo seu lexítimo interlocutor, que é a FEGAMP.

A FEGAMP xa presentara alegacións no seu momento ( Maio de 2007) advertindo taxativamente que “determinadas disposicións” do entonces borrador de decreto “poden atacar á Autonomía Municipal” así como que “nalgúns preceptos oponse ao disposto no apartado I.b) do Pacto Local por canto se impoñen procedementos e cargas sen compensación económica”.

Recordar que o Pacto Local, como é sabido, foi asinado polo Presidente da Xunta de Galicia e o entonces Presidente da FEGAMP.

Lamentablemente estas alegacións, a pesares dos reiterados chamamentos ao dialogo feitos dende a FEGAMP, Asociación que representa a tódolos Concellos de Galicia, non se tiveron en conta nin existiu por parte da Consellería de Vivenda a receptividade esperada.

Isto resulta especialmente chocante por canto, segundo recoñeceu publicamente a Consellería de Vivenda, si que se mantiveron contactos co resto de sectores implicados.

Por outra banda os Servizos Xurídicos da FEGAMP e os Servizos Técnicos da meirande parte dos Concellos de Galicia veñen de advertir, como Partido dos Socialistas de Galicia anteriormente se dixo, que diversos preceptos e mandatos do Decreto, teñen
sido aprobados con infracción dos principios de xerarquía e competencia con efectos lesivos para la autonomía municipal constitucionalmente recoñecida.

Dese modo estímase que o Decreto incorre en infraccións do principio de xerarquía normativa por canto contradí outras normas de carácter superior e de infraccións en materia do principio de competencia, na medida en que no respecta o ámbito competencial alleo por canto a súa intervención en determinadas materias está moito mais preto da ordenación urbanística que ao establecemento de estándares de habitabilidade, chocando coas competencias propias dos Concellos en materia de planeamento (que inclúe a formulación do Plan Xeral e mesmo de certos plans de desenvolvemento) e a través dos procedementos previstos na normativa urbanística.

A FEGAMP, sensible co malestar dos Concellos de Galicia, veuse obrigada a presentar recurso contencioso contra este decreto para salvagarda dos intereses dos mesmos, na defensa da súa autonomía e na procura dun espazo de dialogo que fixera posible o acordo e evitara a confrontación.

En paralelo, case que todos os sectores afectados pola entrada en vigor do Decreto veñen de manifestar publicamente o seu desacordo co mesmo polas consecuencias que a súa entrada en vigor ocasiona.

Cando unha norma, que ten vocación de perdurar no tempo, concita tantas críticas e malestar débese concluír que o mellor para os cidadáns afectados pola súa aplicación virá pola vía do diálogo e da colaboración coa Administración que máis cerca está deles e non pola imposición da mesma.

Polo que, O Grupo Municipal socialista somete á consideración do Pleno esta MOCIÓN, para que este adopte o seguinte ACORDO:

Instar á Consellería de Vivenda a:

1. Sen prexuízo das melloras que o Decreto das Normas do hábitat Galego pretende introducir a prol dunha maior calidade da Vivenda en Galicia, se abra un período de dialogo cos Concellos, representados pola FEGAMP.

2. Neste proceso de dialogo, se creen os instrumentos necesarios para modificar determinados aspectos do Decreto, que inciden na Autonomía Municipal e nas competencias Locais, que con garantías de cumprimento, fixera posible a retirada do recurso presentado.

3. Remitir este acordo ao Presidente da Xunta de Galicia, á Consellería de Vivenda e á FEGAMP.

O VOCEIRO DO GRUPO POLITÍCO MUNICIPAL DO PSdeG-PSOE
Asdo.: Alfonso Javier De Lis Fiúza